A moeda longobarda é a producida de xeito autónomo polos longobardos, un dos pobos xermánicos que se estableceron no territorio do Imperio Romano na Península Itálica para crear un reino romano-bárbaro. As cuñaxes longobardas tiveron lugar en dúas áreas e en dous momentos diferentes: na chamada Longobardia Maior, nas derradeiras décadas do século VI d. de C. e ata 774, e na Longobardia Minor, no Ducado de Benevento, entre 680 e finais do século IX.
As primeiras cuñaxes imitaban as moedas bizantinas e só máis tarde comezaron a figurar nelas os nomes dos reis longobardos. No norte cuñáronse case exclusivamente tremissis, entanto que os longobardos de Benevento emitiron tamén sólidos, ambas as moedas de ouro. As moedas da Italia meridional teñen características propias que as singularizan con respecto ás do norte: cando no norte, cara á fin do século VII, con Cuniperto, as moedas pasaron a amosar os títulos reais e unha nova tipoloxía, as emisións de Benevento, do mesmo xeito que as de Salerno, continuaban a inspirarse nos modelos bizantinos.
Logo da caída do reino longobardo pola súa derrota ante os francos, na Longobardia Maior os novos dominadores mantiveron durante un tempo nas súas cuñaxes os motivos das emisións monetarias dos soberanos longobardos. Esta situación mantívose aínda máis na Longobardia Minor, onde as características da moeda anterior se mantiveron durante aproximadamente un século.
As cuñaxes en prata apareceron baixo a influencia dos francos, cara á fin do século VIII, circulando xunto cos tremissis e os sólidos de ouro. No século IX, o metal maioritario en circulación foi a prata.